Plan de Xestión 2023–2032 da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas”
A Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas”, declarada pola UNESCO en 2013, conta cun novo Plan de Xestión para o período 2023-2032, elaborado polo Laboratorio de Biodiversidade (IBADER – Universidade de Santiago de Compostela) e coordinado polo equipo técnico da Reserva. Este documento dá continuidade ao plan anterior (2013–2022) e adáptase aos marcos internacionais actuais (Plan de Lima e Plan de Ordesa-Viñamala), así como á normativa estatal e autonómica sobre áreas protexidas.
O Plan abrangue os 17 concellos da provincia da Coruña que forman parte da Reserva, cunha superficie superior a 116.000 ha e unha poboación próxima aos 200.000 habitantes. O territorio inclúe zonas núcleo, tampón e de transición que integran espazos naturais, rurais e urbanos.
Este instrumento estratéxico foi construído mediante un proceso participativo ao longo do ano 2023, no que se recolleron achegas de entidades públicas e privadas, asociacións, persoas expertas e cidadanía, garantindo así unha visión compartida e inclusiva para o
futuro da Reserva.
Enfoque e obxectivo xeral
O Plan de Xestión concíbese como un documento dinámico e consensuado que busca integrar a conservación da natureza co desenvolvemento económico e social das comunidades locais. Constitúe un compromiso común entre administracións, entidades e sociedade civil, orientado a consolidar a Reserva como un modelo de sustentabilidade e innovación territorial cara ao horizonte 2050.
O seu obxectivo xeral é fortalecer o funcionamento da Reserva e avanzar no cumprimento das súas tres funcións fundamentais, definidas polo Programa MaB da UNESCO:
- Conservación da biodiversidade, da paisaxe e do patrimonio natural e cultural.
- Desenvolvemento sostible do territorio, promovendo unha economía verde e azul, especialmente nos ámbitos rural e costeiro.
- Apoio loxístico á investigación, educación ambiental e cooperación entre territorios.
Obxectivos específicos
- Reducir a perda de biodiversidade e fomentar a restauración ecolóxica.
- Controlar especies exóticas invasoras.
- Impulsar a adaptación e mitigación do cambio climático.
- Contribuír activamente aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
- Potenciar un modelo económico sostible baseado na agricultura, silvicultura e turismo responsable.
- Mellorar a conectividade ecolóxica mediante a infraestrutura verde e azul.
- Promover a marca de calidade “Reserva de Biosfera” e o Plan Alimentario Local.
- Consolidar unha gobernanza participativa e inclusiva, con perspectiva de xénero e participación activa da mocidade.
- Fomentar a educación ambiental e a sensibilización cidadá.
- Reforzar as redes de colaboración con universidades, centros de investigación e outras Reservas de Biosfera.
Estrutura do Plan
O documento organízase en cinco capítulos principais:
- Introdución, obxectivos e criterios de xestión, co marco legal de referencia.
- Diagnose territorial e ambiental, que analiza o estado dos ecosistemas, a
zonificación e os principais retos do territorio. - Gobernanza e participación, detallando os órganos de xestión, colaboración e
mecanismos de implicación social. - Liñas estratéxicas e programas de actuación, que recollen as prioridades e
accións para o período 2023–2032. - Financiamento, avaliación e seguimento, onde se definen os recursos necesarios e os sistemas de control e revisión.
Plan de xestión 2013-2022
A candidatura a Reserva de Biosfera de “Mariñas Coruñesas” estableceu un Plan de Xestión para o período 2013–2022, aprobado pola UNESCO na declaración oficial da Reserva de Biosfera, acordada na XXV Reunión do Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB, celebrada na sede da UNESCO en París do 27 ao 30 de maio de 2013.
Este Plan de Xestión (2013–2022) foi froito da participación e do consenso dos axentes do territorio e das entidades con competencias na Reserva de Biosfera, sendo a participación un principio impulsado pola UNESCO no desenvolvemento do Programa MaB. Cómpre salientar o enfoque de abaixo a arriba na formulación deste Plan de Xestión, resultado do debate e da participación das Mesas Sectoriais e da Xunta Directiva da A.D.R. “Mariñas-Betanzos”, do Consello de Dirección, dos Comités Científico e de Participación, das Comisións Técnicas da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas”, así como do público interesado en xeral.












