A Reserva De Biosfera Mariñas Coruñesas adheriuse en 2020 ao Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED), unha iniciativa impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo e a FEMP que busca mellorar a satisfacción do visitante e a calidade dos servizos turísticos dun territorio. O proxecto ofrece formación e asesoramento ás empresas e servizos turísticos para aplicar boas prácticas, cumprir estándares comúns e obter o distintivo de “Compromiso de Calidade Turística”.
Na Reserva, o programa iniciouse co sector da restauración, co obxectivo de mellorar a atención ao cliente e favorecer o consumo de produtos locais e de proximidade, vinculados á Marca de Calidade da Reserva de Biosfera. En 2019 certificáronse os primeiros dezaseis restaurantes, e en 2020 ampliouse a participación a outros establecementos de hostalaría, aloxamentos e empresas agroalimentarias que xa formaban parte da Marca. Para coordinar o traballo, creouse tamén a Mesa de Calidade do Destino Turístico, un espazo de colaboración entre entidades públicas e privadas do territorio que permite avaliar os avances, planificar melloras e consolidar a Reserva como un destino sostible e de calidade.
Creación da mesa de calidade do destino
Para conseguir un destino participativo, constituímos no ano 2019 a Mesa de Calidade do Destino Turístico, a cal pretende ser unha mesa de bo goberno entre axentes do territorio que están a traballar a prol do turismo, e para a que se pretende que sexa un auténtico foro de debate, e na que se fomente a colaboración público- privada, a cal se considera imprescindible.
As principais funcións da Mesa de Calidade do Destino Turístico son:
- Valorar a xestión do proxecto no destino.
- Establecer obxectivos a curto- medio prazo.
- Valorar e aprobar propostas de mellora do destino.
- Elaborar a proposta sobre a concesión, renovación ou retirada dos distintivos das empresas e servizos públicos.
- Actuar como Comité Local do Club de Produto Turístico “Reservas de Biosfera Españolas” (órgano consultivo da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, constituído por técnicos, expertos e representantes do sector e do territorio, cuxa finalidade principal será a de prestar funcións de apoio e asesoramento técnico, os cales contribúan a implantar mediante a metodoloxía do SICTED, os obxectivos do Club de Produto Turístico “Reservas de Biosfera Españolas” e do Club de Ecoturismo Estatal, así como fomentar este modelo turístico no territorio).
- Actuar como Mesa da Calidade do Destino SICTED.
- Definición e execución de propostas, actividades e orzamentos relacionado co Xeodestino Turístico.
- Mesa de bo goberno entre axentes do territorio que traballan a prol do turismo.
- Calquera outra que lle outorgue a entidade xestora do destino, da cal depende.