O obxectivo xeral (OG) de LIFE GLOBAL é a implementación dunha estratexia transnacional entre España e Portugal para a restauración das áreas de alto valor de conservación Natura 2000 do norte da Península Ibérica, como principal medida de adaptación aos actuais cambios globais, mellorando o estado de conservación e a resiliencia dos hábitats e especies prioritarios.
Para acadar este fin, o proxecto seleccionou 10 hábitats prioritarios (1150, 1510, 4020, 4040, 3170, 6220, 6230, 7210, 7220, 9560) e 3 especies prioritarias (Eryngium viviparum, Centaurium somedanum, Tetrax tetrax), que se consideran representativas das rexións biogeográficas Atlántica e Mediterránea, así como dos tres escenarios de maior valor de conservación do norte ibérico.
O proxecto conta cun grande potencial demostrativo e piloto, o que permite unha alta transferibilidade e replicabilidade a outros territorios europeos nos que as zonas de alto valor de conservación se atopan concentradas e illadas en mosaicos moi fragmentados e vulnerables.
Forman parte deste proxecto:
- Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural de Galicia (IBADER)
- Dirección Xeral de Patrimonio Natural (DXPN)
- Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos (ADRMB)
- Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC)
- Concello de Ribadeo (RIBADEO)
- Xunta de Castela e León (JCYL)
- Fundación CESEFOR (CESEFOR)
- Fundación Patrimonio Natural de Castela e León (FPNCYL)
- Deputación Foral de Áraba (DFA)
- Sociedade Pública de Xestión Ambiental de Navarra (GAN-NIK)
- Instituto Politécnico de Bragança (IPB)