Volver a noticias

O Camiño, a volta das feiras e o destino de natureza: protagonistas dos nosos expositores de Fitur

14/1/2022

O Camiño de Santiago foi un dos protagonistas da segunda xornada de Fitur. O Xacobeo vai ligado ademais a ese turismo de natureza tan demandado nestes tempos de pandemia e que se asenta como a oferta segura que buscan cada vez máis viaxeiros.

Así o explicaba o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda: “Cada comunidade autónoma responsabilízase de que o Camiño estea en bo estado, os albergues… que se cumpran as normas sanitarias se queremos un Camiño seguro, as normas teñen que observarse en todo o itinerario, aquí en Galicia témolo clarísimo”.

Outra forte aposta é a reactivación do sector das feiras coa presentación de Turexpo, un dos eventos enmarcados dentro da Semana Verde de Galicia, a feira multisectorial máis importante do noroeste peninsular.

“Con ganas de volver desenvolver a nosa función de ferramenta de promoción económica e de promoción do turismo”, comentaba Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia.

Destino seguro e de natureza sen esquecer outros baluartes como as culturas ancestrais ou as paradas monumentais que brindan moitas destas contornas privilexiadas. Houbo tempo para premios, como o que levou a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, primeiro destino de ecoturismo de Galicia e cun forte compromiso ambiental. Durante a pandemia os restaurantes desta contorna apostaron por envases biodegradables na comida para levar.

A gastronomía e a artesanía conforman outra boa oportunidade de negocio que tamén queda representada polas degustacións que elabora o Centro Superior de Hostalería. Pero hai moito máis, como o aumento exponencial do turismo de autocaravana, que en Galicia aumentou nun 60 por cento nos últimos dous anos, ou as nosas festas tradicionais ou históricas que teñen presenza neste espazo galaico de Fitur.

Sigue aquí: https://www.crtvg.es/informativos/o-camino-a-volta-das-feiras-e-o-destino-de-natureza-protagonistas-dos-nosos-expositores-de-fitur-5100065