DOAZÓNS, HERDANZAS E LEGADOS

A Asociación Mariñas-Betanzos, entidade xestora da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (MCeTM) dende o ano 2013, é unha entidade sen ánimo de lucro que procura a mellora das condicións de calidade de vida, a creación de emprego no rural, así como mellora dos recursos locais e o territorio.

Fundada no ano 2008, a Asociación Mariñas-Betanzos ten como ámbito de actuación preferente o dos Concellos de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cesuras, Coirós, Curtis, Culleredo, Miño, Irixoa, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado,  sen prexuízo de que poida estenderse por necesidades operativas dos seus programas e actividades.

Os obxectivos da Reserva de Biosfera MCeTM diríxense a recuperar, en boa parte, a interrelación do ser humano coa natureza, así como á recuperación, conservación/adecuación e á posta en valor dos recursos patrimoniais naturais e culturais.

Interésache contribuír ao desenvolvemento do labor da Asociación Mariñas-Betanzos?

Tanto se es unha persoa física, como se o es de xeito xurídico, podes aportar o teu grao de area ao noso proxecto. Por exemplo, a través dunha doazón voluntaria ou recollendo a nosa asociación coma beneficiaria na túa herdanza.

Doazóns

A doazón consiste en que unha persoa (física ou xurídica) en vida, cede a outra persoa (física ou xurídica) un ben ou un dereito.

Esta cesión faise sen recibir unha contraprestación a cambio.

Ao respecto da figura da doazón convén matizar que a persoa que doa ten a posibilidade de conservar o chamado usufruto mentres viva. O usufruto permite á persoa que outorga a propiedade manter o goce da mesma mentres viva, é dicir, non é dono, pero mantén a potestade de usar a propiedade.

Sabías que as doazóns poden ter beneficios fiscais?

Dependendo quen sexa o beneficiario dunha doazón, esta pode ter vantaxes fiscais. Por exemplo, as entidades sen fin de lucro acollidas á lei 49/2002 (RéximeFiscal das Entidades sen Fins Lucrativos e dos Incentivos Fiscais ao Mecenado), como é o caso da Asociación Mariñas-Betanzos, poderán beneficiarse de cuestións como:

Persoas físicas:

-
Dedución dun 75% para os primeiros 150€ doados*.
-30% da parte que exceda dos primeiros 150€, que pode ser o 35% para doazóns fidelizadas a unha mesma entidade (iso é cando levas doando á mesma entidade tres anos seguidos) *.
-No caso de producirse un incremento patrimonial por mor da doazón a unha entidade sen ánimo de lucro, as persoas físicas están exentas de tributar no IRPF por este motivo. Ademais tamén quedarían exentas do Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana (IIVTNU).


(*) Co límite do 10% da base liquidable do contribuínte.
Más información na Axencia Tributaria.

Persoas Xurídicas:

-
Dedución do 35% no Imposto de Sociedades. O límite da base de dedución é o 10% da base impoñible do período impositivo. Para doazóns fidelizadas a dedución pode chegar ao 40%.

-Exención no imposto de sociedades polas rendas positivas como consecuencia dunha doazón a entidade sen ánimo de lucro. Ademais tamén quedarían exentas do Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana (IIVTNU).

Herdanza

Segundo recolle a Galipedia, “o termo herdanza é usado en Dereito para se referir ao acto xurídico mediante o cal unha persoa que falece traspasa os seus bens, dereitos e obrigas a outra ou outras persoas, que se denominan herdeiros. Así, enténdese por herdeiro a persoa física ou xurídica que ten dereito ao total ou a unha parte dos bens dunha herdanza.O herdeiro pode ser o que como tal figura nun testamento, ou, aqueles a quen a lei lle recoñece tal condición legal, así sexa por ausencia de testamento ou por aplicación de normas imperativas como as lexítimas”.

Deste xeito a herdanza está conformada polos bens, dereitos e tamén as obrigas patrimoniais dunha persoa que perduran máis aló da súa vida. Unha persoa pode dispoñer do destino do seu patrimonio logo de morto a través do testamento. Trátase dun documento que acostuma a outorgarse ante notario.

Segundo a normativa vixente en cada ámbito territorial, as herdanzas contan cunhas limitacións ou restricións legais por exemplo ao que respecta á respectar os dereitos dos beneficiarios forzosos. A Lei de Dereito Civil de Galicia, por exemplo, establece a chamada lexítima obrigatoria para os descendentes dunha persoa física nunha cuarta parte dos seus bens. Polo tanto, en Galicia, actualmente, un pode dispór libremente do destino de ¾ do seu patrimonio, salvo no caso en que non existan herdeiros forzosos.

LEGADO

Chámase legado á transmisión a través de testamento dunha parte concreta do patrimonio da persoa finada. So pode deixarse como legado aquela parte do patrimonio que sexa de libre disposición, é dicir, non a lexítima que corresponde a herdeiros forzosos. Os legados poden transferirse a persoas físicas ou xurídicas, pero é preciso que se recollan nun testamento de maneira expresa.

Que faremos na Asociación Mariñas-Betanzos cos cartos/bens recibidos a través de doazóns, herdanzas ou legados?

A Asociación Mariñas-Betanzos comprométese a empregar os cartos ou bens recibidos en proxectos e accións que permitan acadar o seu obxectivo final de valorización do territorio, incidindo na mellora da calidade de vida da poboación local a partir da valorización do patrimonio natural, cultural e do fomento da cohesión social.

Como fago unha doazón ou deixo unha herdanza ou legado á Asociación Mariñas-Betanzos?

Para levar a cabo unha doazón, deixar unha herdanza ou un legado á Asociación Mariñas-Betanzos podes contactar con nós no teléfono 981 669 541 no email info@marinasbetanzos.gal e miraremos de te asesorar sobre o procedemento a seguir para cumprir os teus desexos. En calquera caso, se vas a un notario, poderás tamén poñer en marcha os trámites precisos.

Os nosos datos para ser beneficiarios desas accións son:

Nome social: Asociación Mariñas-Betanzos.
Domicilio social:
Antiga Cámara Agraria. San Marcos, s/n 15318 Abegondo (A Coruña).
C.I.F.:
G70180807
Número de inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Xunta de Galicia:
2009/012746-1 (AC)