Xuventude

A xuventude é unha peza clave para o presente e o futuro da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas. A súa participación activa é fundamental para impulsar un territorio máis sostible, dinámico e comprometido coa conservación do patrimonio natural e cultural, o desenvolvemento local e a calidade de vida das persoas que o habitan.

Garantir o relevo xeracional significa ofrecer á mocidade oportunidades reais para participar na toma de decisións, achegar novas ideas e asumir un papel protagonista na construción do futuro do territorio. Por iso, Mariñas Coruñesas aposta por fortalecer a participación xuvenil e crear espazos de diálogo, colaboración e representación nos que a voz das persoas mozas sexa escoitada e tida en conta.

Neste compromiso enmárcase o proceso de selección da persoa Representante Xuvenil da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, unha iniciativa que busca dar voz á mocidade do territorio e facilitar a súa participación nas redes xuvenís do Programa MaB da UNESCO e na Rede Española de Reservas de Biosfera.

A elección realízase mediante un proceso aberto, público e transparente, baseado nos principios de igualdade, mérito, capacidade e obxectividade, co obxectivo de seleccionar unha persoa que represente a mocidade, traslade as súas propostas e contribúa a construír unha Reserva de Biosfera cada vez máis participativa, inclusiva e comprometida co futuro.

Información coas BASES REGULADORAS do proceso aberto de selección da persoa Representante Xuvenil da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas.